Friday 29 de March de 2024

O Fórum Metropolitano achégase esta semana aos xéneros do thriller e a comedia, con tres xornadas de cinema de xoves a sábado


A sala Marilyn Monroe acolle as proxeccións de “Intemperie”, un western dirixido por Benito Zambrano e protagonizado polo actor galego Luis Tosar

O Fórum Metropolitano abre mañá as súas portas a tres xornadas consecutivas de cinema que se achegarán, de xoves a sábado, aos xéneros dothriller e a comedia.

A sala Marilyn Monroe proxectará “Intemperie” (2019), longametraxe dirixida por Benito Zambrano e gañadora de dous Premios Goya. Protagonizada polo actor galego Luis Tosar, acompañado por Luis Callejo, Jaime López e Vicente Romero, a película, baseada na exitosa novela homónima de Jesús Carrasco, céntrase na historia de amizade dun pastor que, dende hai tempo, vive á marxe da sociedade, e un neno que emprende unha viaxe a través do deserto, fuxindo do implacable capataz da súa vila.

A obra, de 103 minutos de duración, debuxa unha atmosfera de western e suspense na España dos anos 40, a da posguerra. Disporanse tres xornadas de proxección: xoves 2 (20.00 horas), venres 3 (20.00 horas) e sábado 4 (17.30 e 20.00 horas).

“La biblioteca de los libros rechazados”, na sala Fernando Rey
Tamén entre xoves e sábado, a sala Fernando Rey acolle catro proxeccións da longametraxe francesa “La biblioteca de los libros rechazados” (2019), unha comedia con toques de intriga dirixida por Rémi Bezançon.

Protagonizada por Fabrice Luchini e Camille Cottin, achégase a unha localidade da Bretaña francesa onde existe unha peculiar biblioteca que garda, tras as súas portas, libros rexeitados polas editoriais. Todo cambia despois da visita dunha editora que descobre unha novela de Henri Pick, cociñeiro dunha pequena pizzería, xa falecido. Segundo a súa viúva, Pick nunca lera un libro, e o único que escribiu na súa vida foi a lista da compra. É entón cando todos se fan a mesma pregunta: quen era, en realidade, Henri Pick?

A película, de 101 minutos de duración, está recomendada para todo tipo de públicos.
Disporanse tres xornadas de proxección: xoves 2 (20.00 horas), venres 3 (20.00 horas) e sábado 4 (17.30 e 20.00 horas).

As entradas, xa á venda
A compra de entradas para as sesións desta semana xa está dispoñible, a través da páxina web de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases poden adquirirse no despacho de billetes do IMCE sito na praza de Ourense en horario de luns a venres (salvo festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estén desempregadas.

Ademais, as sesións do espectador programadas para os sábados ás 17.30 horas teñen un prezo único de 1,50 euros.